Comunicado UA sobre reunión do Pacto de Toledo

Este luns día 8 de abril reúnese a comisión de seguimento e avaliación dos acordos do Pacto de Toledo

8 de abril de 2024

Nesa xuntanza a ministra de Inclusión, Seguridade Social E Migracións comparecerá para informar sobre as liñas xerais da política do seu departamento.

As organizacións e movementos de pensionistas abaixo asinantes queremos aproveitar a ocasión para lembrarlle á ministra, e á comisión, que cuestións fundamentais para garantir pensións públicas dignas e suficientes seguen pendentes, e que compromisos recollidos na Lei, como a Auditoría das contas da Seguridade Social e a taxa de reemprazo das pensións públicas, seguen sen realizarse.

As persoas pensionistas seguimos comprobando que, debido á insuficiencia das pensións públicas, as nosas condiciones de vida se están deteriorando e sufrimos especialmente as consecuencias da privatización dos servicios de sanidade, residencias, … e o encarecemento deses servizos. Os efectos sobre a nosa economía do medre dos custes de produtos e servizos básicos (38% segundo a OCU), fan que cada vez máis persoas maiores non podan acceder a unha medicación correcta, alimentación san, unha vivenda confortábel con servicios básicos garantidos (Luz, Auga, etc.) e pensións públicas por riba do umbral da pobreza.

As decisións adoptadas para mellorar as pensións mínimas son moi insuficientes e despois de máis de seis anos de exixir unha pensión mínima de 1.080 euros seguimos esperando.

A pobreza e insuficiencia das pensións ten cara de muller e séguese sen adoptar medidas eficaces para erradicar a fenda de xénero en salarios e pensións e mellorar substancialmente a pensión de viuvez.

A taxa de reemprazo das pensións segue diminuíndo debido a que os recortes introducidos na reforma do 2011 se manteñen na do 2021 e seguen a reducirse a medio prazo, a idade de xubilación aumenta de maneira progresiva, vanse profundando as medidas para contraer ao máximo o sistema público de pensións e a seguridade social, mentres segue sen resolver de maneira definitiva a grave medida de reducir as pensións a aquelas traballadoras e traballadores con 40 años ou máis de cotización na súa vida laboral.

Reclamamos que todo o esforzo que se está realizando por construír un sistema complementario de pensións privadas (baseadas na recomendación número 16 do Pacto de Toledo), a través de los eufemisticamente chamados ¨plans de pensións de emprego¨, se aplique en garantir o sistema público e en mellorar as pensións públicas.

Por esas e outras razóns, as organizacións de pensionistas que subscribamos este comunicado dicimos NON ao Pacto de Toledo, e pedimos que se derrogue a lei de creación do fondo de pensións privadas (PPEs) a través da negociación colectiva, e que nin un só euro dos salarios diferidos na vida laboral das traballadoras e traballadores, se destinen a fomentalos.

Estas demandas deben ser contempladas no só nas liñas xerais do ministerio, senon nas decisións concretas do goberno e os seus apoios parlamentarios. Só é cuestión de vontade política facelas realidade.

O conxunto de pensionistas dos diferentes pobos do estado seguiremos loitando porque estamos convencidos que esta batalla ímola gañar; celebramos o conseguido, pero queda moito por conseguir, após de decenas de anos de traballo é de xustiza conseguilo.

NON AO PACTO DE TOLEDO !!!

GOBERNE QUEN GOBERNE

OS DEREITOS E AS PENSIÓNS PUBLICAS DEFÉNDENSE !!!

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles, …

Comunicado da Unidade de Acción pensionista estatal ante a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado.

25 de marzo 2024

A UAE pensionista rexistrou con data de decembro e febreiro dos anos 2023/2024 no Congreso as demandas urxentes que o colectivo consideraba necesario introducir na tramitación parlamentaria dos PXE.

Por mor do rexistro das nosas reivindicacións no Congreso dos Deputados, por parte das organizacións de pensionistas de Unidade de Acción Estatal fóronse celebrando diversas reunións cos grupos parlamentarios de BNG, SUMAR, EH Bildu, ERC e PODEMOS (o PSOE de momento non nos contestou), con diverso grao de compromiso respecto ao apoio das nosas reivindicacións, para levalas ao debate (que parecía inminente) dos Orzamentos Xerais do Estado.

Despois de celebradas esas reunións o calendario político cambiou, ese debate non se dará. Pero sexa cal for a situación, as organizacións que subscribimos este comunicado manifestamos a nosa vontade decidida e unitaria de esixir, ao goberno e aos partidos que lle apoian, os obxectivos da nosa táboa reivindicativa e os compromisos adquiridos. Os PXE prorróganse, pero as necesidades das persoas pensionistas son improrrogables. Se hai vontade de atendelas, seguro que son posibles, e desde as rúas e as prazas así o esixiremos.

Ao colectivo pensionista esta situación atrasa a posibilidade de que o goberno poña en marcha unha serie de medidas económicas, sociais e políticas que vimos esixindo. A non aprobación dos orzamentos pode poñer en cuestión algunhas das subidas previstas e vai seguir perpetuando a enorme brecha de xénero en pensións (máis do 30%) que afecta as mulleres, e ás pensións mínimas cuxa subida do 6,9% é insuficiente e seguen sendo pensións de miseria.

Así mesmo a prórroga orzamentaria consolida a desigual distribución da riqueza. As rendas do capital seguen aumentando. Este ano as empresas do IBEX tiveron un récord de beneficios, os bancos máis de 26.000 millóns, mentres que os salarios crecen por baixo da inflación, é dicir, redúcense en termos reais ao mesmo tempo. En todo o Estado 12,6 millóns de persoas (o 26% da poboación) atópanse no limiar da pobreza ou na exclusión social.

Observamos con preocupación que a actuación dos grupos parlamentarios, salvo algunha excepción, cada vez afástase máis dos intereses xerais da cidadanía. Hai unha crecente percepción, de que as nosas institucións e representantes non dan solución ás necesidades máis claras e concretas da xente: sanidade, educación, pensións públicas, condicións decentes de traballo, protección do dereito á vivenda etc.

Desde todas as institucións, desde a xudicatura ao Parlamento, erosiónanse cada vez con máis enerxía os dereitos de manifestación e expresión. Os movementos sociais vémonos baixo ameazas de todo tipo cando denunciamos inxustizas evidentes: desde a morte nas residencias, ao bloqueo do acceso á administración por medios telemáticos, os desafiuzamentos a persoas desamparadas, os abusos laborais, os incumprimentos de contratos, a corrupción ou as estafas estruturais aos consumidores por parte de grandes empresas. O Movemento Pensionista está a sufrir a aplicación da Lei Mordaza, desprazándonos de forma arbitraria da Praza do Congreso, do mesmo xeito que outros colectivos e movementos, e abriuse proceso sancionador a dous compañer@s de Alcalá de Henares. Esta perda de liberdades sociais non a imos a permitir.

As persoas pensionistas e calquera traballador@ están ameazadas pola perda ou a privatización do salario diferido que son as pensións públicas. Por iso, imos seguir expondo sexa cal for a situación institucional do país, as nosas reivindicacións:

– Pensións públicas mínimas equiparadas co SMI e ambas equivalentes ao 60% do salario medio segundo a carta social Europea. Plantexamos 1080 € xa!

Habilitar partidas económicas para pechar a vergoñosa brecha de xénero. O complemento asignado e non consolidado de 33 € non resolve ningún problema.

–  Aumentar a base reguladora da pensión de viuvez que permita unha pensión digna.

Esiximos o cumprimento da lei 21/2021, segundo a cal se realizaría unha
auditoría das contas da Seguridade Social (S.S.) que garanta a compensación derivada do desvío de cotizacións a fins alleos ao sistema público de pensións e da Seguridade Social.

– Rexeitamos os PPEs (Plans de Pensións de Emprego) que detraen diñeiro público á Seguridade Social, e só benefician ás empresas mediante exencións fiscais e deducións do 10% do Imposto de Sociedades.

–  Esiximos eliminar os coeficientes redutores en longas carreiras de xubilación.

A acción e a mobilización diante das institucións e nas rúas é o camiño!

Goberne quen goberne, as pensións públicas e os dereitos deféndense!

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Público
UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DEPENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles…

Plan de pensións do convenio estatal da construción: unha análise crítica por Xabier Pérez Davila.

O 1 de febreiro comezou a implantarse o plan de pensións de emprego (PPE) acordado no VII Convenio colectivo estatal da construción (VII CCEC). É o primeiro gran PPE adaptado á Lei 12/2022 de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE). Por iso é de gran importancia analizar as consecuencias que terá a súa aplicación, xa con datos concretos.

Nestes dous artigos de divulgación, o noso compañeiro Xabier Pérez Davila analiza polo miúdo as consecuencias que vai ter a aplicación do PPE.

No primeiro artigo (1) compara os resultados da aplicación do PPE cos que se obterían de dedicarse as achegas empresariais ao plan a aumentos adicionais de salarios. Os cálculos individuais realízanse para o nivel XII do convenio correspondente a peón ordinario ou limpeza.

No traballo analiza por separado os efectos do plan para os Traballadores, para as Empresas e para os Ingresos públicos, rematando cunha Análise dos gañadores (empresas e xestores) e perdedores (traballadores e sector público).

Como ampliación dos efectos do plan para os ingresos públicos, estima o impacto da xeneralización dos PPE seguindo este esquema, concluíndo que as entidades que xestionan os fondos recibirían anualmente en depósito 5.500 millóns. Unha cantidade superior á previsión de ingresos do Fondo de Reserva da Seguridade Social para o ano 2024, uns 3.700 millóns de euros. A perda de ingresos públicos sería superior a 1.800 millóns de euros (1.290 millóns de cotizacións sociais e 550 millóns do imposto de sociedades).

No segundo artigo (2) analiza os efectos da aplicación dos PPE no logro dos dous obxectivos que se marca a propia Lei de regulación e impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE)

Con respecto ao 1º. Fomentar o aforro especialmente “das rendas medias e baixas” e incorporar “aos novos” mediante incentivos fiscais para “mellorar o benestar dos cidadáns ao chegaren á xubilación”, a senda máis previsíbel é que nos novos PPE as achegas se concentren nos salarios máis altos e, en menor contía, nos salarios medios. O efecto, para a metade inferior da distribución salarial, será unha pensión pública inferior ao reducirse a base de cotización, e un fondo de capitalización de volume mínimo ou inexistente.

Con respecto ao 2º. Promover o aforro colectivo para “investir e aumentar a capacidade produtiva e … elevar os ingresos e o nivel de vida da sociedade española”, a realidade amosa que os fondos oriéntanse a unha xestión a moi curto prazo co obxectivo prioritario de garantir liquidez para facer fronte ás súas obrigas, contribuíndo así ás crises financeiras de liquidez cada vez máis frecuentes, e que non actúan como investidores pacientes ao servizo da economía produtiva.

Como conclusión deste importante traballo, quedámonos con que a promoción dos plans de pensións de emprego de capitalización insírense nas políticas neoliberais de financeirización da protección social que incrementan a desigualdade e aumentan o poder das finanzas sobre a economía e a sociedade.

En consecuencia, como defensores dos pensionistas presente e futuros, esiximos que a LRIPPE, que inspira os plans de emprego de capitalización, sexa derrogada.

1 https://praza.gal/opinion/plan-de-pensions-do-convenio-estatal-da-construcion-unha-analise-critica-i

2 https://praza.gal/opinion/plan-de-pensions-do-convenio-estatal-da-construcion-unha-analise-critica-e-ii

Adxudicada a Xestión das residencias “doadas” por Amancio Ortega aplicando a normativa do ano 1996.

A propia Xunta cifra en 5.000 as camas dispoñíbeis en centros públicos. Nos privados hai case 17.000 prazas. Como apunta Transi Fernández (CIG). “A Consellaría de Política Social mantense nesa aposta malia que está máis que demostrado que privatizar, tamén a xestión, implica peor servizo”. Pódese ler neste artigo en Nósdiario (1) (10-11-2023), onde tamén se indicaba que “non é de recibo” que estes centros (referíndose ás residencia “doadas” por Amancio Ortega) acaben sendo de xestión privada “cando a Consellaría de Política Social presume de que vai ter un orzamento para 2024 máis alto que nunca” ao superar os 1.200 millóns de euros.

Pois si van ser de xestión privada. Polo menos dúas.. Acaban de adxudicarse as de Santiago e Lugo como podemos ler na nova de praza.gal (2) (02-03-2024). E unha das sorpresas é que terán apenas 37 traballadoras por cada 100 persoas residentes (rateo 0,37), só dúas máis do mínimo esixido pola normativa galega, que data de 1996.

As tres fundacións concursantes ofertaron para os diferentes criterios valorábeis melloras mínimas (com rateos no caso do persoal de 0,37 a 0,39), agás no custo das prazas, onde si que houbo diferencias decisivas (bem imaxinamos quen imos sufrir o recorte).

Lembremos que en 2022, tras a pandemia da COVID, o Goberno de España, comunidades autónomas e entidades do sector acordaron novas referencias mínimas de persoal máis elevadas a nivel estatal, pero a Xunta rexeitounas co argumento de que suporía pechar moitos centros “especialmente no rural”.

A Consellería de Política Social ratifica agora que “ao votar en contra de dito modelo, Galicia non ten que aplicalo“, e esa non ratificación serve agora para que estas 2 residencias, malia ser, por outro lado, urbanas e novas, teñan unha ratio “do século pasado”.

O documento de 2022 fixaba unha folla de ruta de rateos en progresivo incremento durante os próximos anos, estabelecendo para o 31 de decembro de 2023 e para residencias de persoas con discapacidade, como é o caso das dúas novas da Xunta, un rateo de 0,42 para persoal coidador, xerocultor ou similar e de 0,50 para “persoal de atención directa conxunta”, con aumentos en anos sucesivos (segundo se ve no próprio artigo) que tampouco non se van cumprir.

1) Nós diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/xunta-reduce-baixo-20-peso-publico-nas-residencias/20231110205128182038.html

2) Praza.gal: https://praza.gal/politica/residencias-de-2024-atencion-dos-90-37-traballadoras-para-cen-ancians-nos-centros-doados-por-amancio-ortega

Análise do Plan de Pensións de Emprego do Convenio da Construción por Xabier Pérez Davila.

O 1 de febreiro comezou a funcionar o plan de pensións de emprego acordado no VII convenio estatal da construción, o primeiro gran plan de emprego baseado na Lei 12/2002 de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE) promovida polo ex-ministro Escrivá.

Neste documento o compañeiro Xabier Pérez Davila analiza criticamente este acordo.

As principais conclusións do documento son:

1º. Que converte salarios en capital financeiro do que obterá beneficios CaixaVida, a entidade xestora do plan.

2º. Que contribúe a reducir as bases de cotización dos  traballadores do sector, polo que as súas pensións públicas futuras serán inferiores as que terían sen plan de pensións de emprego.

3º. Que contribúe á perda de poder adquisitivo dos salarios ao transformar parte do posíbel incremento salarial en aportacións empresariais ao plan de empresa.

4º. Que nos confirma na posición crítica de MODEPEN da LRIPPE.

Continuamos a pedir a derrogación da lei e o fortalecemento do sistema público de repartición e solidariedade entre xeracións sen inxerencias do capital financeiro.

Documento de Análise do Plan de Pensións de Emprego do Convenio da Construción por Xabier Pérez Davila.

Artigo sobre a Lei de Plans de Pensions de Empresa de Xabier Pérez Davila do pasado 4 de Marzo do 2.023

 

Manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 04-02-2024.

O 12 de febreiro de 2023 tivemos que saír á rúa porque “a Sanidade Pública Galega estaba en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque era “necesaria unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Case un ano despois SOS Sanidade Pública vese obrigada a volver a convocar por eses mesmos motivos. Nun ano non se ten avanzado nada na solución dos problemas da nosa sanidade. Máis ben, seguimos a retroceder. O chamamento, que evidentemente apoiamos desde Modepen, é para o vindeiro 4 de febreiro, ás doce horas, en Compostela (1)

Diante dunha Sanidade Pública Galega en coma, na última fase do seu desmantelamento, é necesaria unha gran mobilización social e profesional, na que esixamos solucións como as que SOS Sanidade Pública e as súas 55 organizacións (que abranguen plataformas cidadás, organizacións políticas e sindicais e colectivos profesionais) sintentizan en 13 medidas urxentes que se poden consultar máis polo miúdo no enlace (2). Entre estas trece medidas están as seguintes:

Incremento do orzamento sanitario. Non a derivación sistemática de pacientes á privada. Incremento do persoal e novas categorías profesionais. Priorización das consultas presenciais. Reapertura dos Centros de Saúde pechados e creación de novos. Potenciación da Atención Primaria. Reintegración das ambulancias ao Sistema Público. Racionalización das listas de agarda.

Garantía de que a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) faise dende a sanidade pública en coordinación cos servizos sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.

Reintegración ao Sistema Público dos servizos privatizados. Elaboración dun Plan de Saúde Mental. Eliminación da inestabilidade e precariedade laboral. Concursos públicos transparentes e abertos. Restablecemento das Xerencias de Atención Primaria. Reorientación do sistema ao «modelo comunitario e participativo». Desmedicalización do sistema.

(1) Convocatoria (nova no xornal Nós).

(2) 13 medidas urxentes (Ligazón a SOS Sanidade Pública).

(3) 13 medidas urxentes pola sanidade que queremos…e que merecemos (doc. pdf).

¿ Deben estar exentas as pensións de tributar o IRPF?

Periodicamente difúndese por Whatsapp un manifesto pedindo que as pensións estean excluídas do IRPF. MODEPEN e o conxunto de organizacións que participan na Unidade de Acción Estatal non estamos de acordo con esa proposta.

A seguir analizamos as afirmacións que inclúe o texto

1ª. As pensións non son un rendemento do traballo. As pensións contributivas son un rendemento do traballo, xa que é o feito de ter cotizado durante polo menos 15 anos o que dá dereito á pensión. Así o recolle a normativa do IRPF que inclúe as pensións contributivas entre os rendementos do traballo (Lei 35/2006, de 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF))

2ª. As pensión xa tributaron polo IRPF mentres se traballaba. Isto non é certo. O que xa tributaron foron os salarios percibidos durante a vida laboral activa unha vez deducidas as cotizacións á seguridade social. A pensión é unha prestación periódica distinta do salario que se financia con cotizacións sociais e impostos. Se unha persoa traballou 40 anos e cobra 30 anos unha pensión, percibiu unha renda salarial gravada polo IRPF e percibe unha renda en forma de pensión tamén gravada polo IRPF. Ademais, o IRPF non é un imposto sobre as rendas do traballo, senón un imposto sobre todo tipo de rendas: do traballo, inmobiliarias (de alugueres), do capital (dividendos, xuros …).

3ª. Ao estar as pensións sometidas ao IRPF prodúcese dobre imposición. Non, o salario e a pensión son rendas distintas que se perciben en períodos diferentes: unha durante a vida laboral activa e outra no tempo da xubilación. Ademais, proceden de fontes diferentes: da empresa, a primeira; e do Estado, a segunda.

4ª. A pensión sería o rendemento dun capital que a persoa xubilada foi acumulando ao longo da vida laboral. Rotundamente falso. A persoa ou persoas que redactaron o Whatsapp padecen de ignorancia ou practican a mentira. O sistema público de pensións non é un sistema de capitalización, as persoas traballadoras non acumulan capital ningún. Coas súas cotizacións e impostos financian as pensións das persoas xubiladas. As persoas traballadoras hoxe activas, cando se xubilen percibirán a súa pensión das cotizacións e impostos d@s entón activ@s. Por iso se chama sistema de repartición ou solidariedade entre xeracións.

5ª. Aos cargos políticos do goberno, parlamento, senado non se lles aplica a retención do IRPF. Falso de toda falsidade. As retribucións dos representantes políticos están suxeitas ao IRPF como todas as rendas. Esta afirmación repetida innumerábeis veces fai parte da campaña anti-política que só beneficia á dereita e á extrema dereita. Cando alguén afirma “todos os políticos son iguais”, en 9 de cada 10 veces a persoa que o proclama é votante do PP ou de Vox.

Que hai detrás deste texto?

Un ataque contra a necesidade dun sistema impositivo poderoso que obteña recursos suficientes para financiar os servizos públicos e a intervención pública na economía cada vez máis necesaria.

É necesario investir máis en educación e sanidade para manter uns servizos de calidade. É necesario aumentar o investimento en servizos de axuda á autonomía e á dependencia. É urxente aumentar o gasto para construír un parque público de vivendas de aluguer para permitir ás persoas novas emanciparse e construír unha vida independente, o modelo austríaco e da capital Viena debe servir de exemplo. Para afrontar as transicións ecolóxica e dixital son imprescindíbeis maiores ingresos e un sistema fiscal máis progresivo, no que paguen máis os que máis teñen e ingresan.

A nova dereita mundial reaccionaria (Feijoó, Abascal, Ayuso, Trump, Milei …) quere acabar coas prestacións e servizos públicos para substituílos por prestacións e servizos privados dos que o capital poda obter grandes beneficios. Os republicanos estadounidenses describen o seu obxectivo como “afogar o meniño na bañeira”: 1) organizan grandes campañas contra os impostos para conseguir o apoio popular, 2) aproban leis que lles baixan os impostos aos ricos, 3) en consecuencia, redúcense os ingresos do Estado, 4) aparece ou aumenta o déficit público, 5) entón, organizan campañas contra o déficit, e, 6) como “non hai diñeiro”, propoñen cortar as prestacións e servizos públicos e promover os privados, e, 7) e volta ao inicio, nova campaña contra os impostos … O resultado é unha sociedade extraordinariamente desigual onde as persoas que non pertencen á minoría rica teñen que endebedarse para pagar os gastos sanitarios, os estudos universitarios …

Moitas pensións xa están exentas

As pensións por debaixo do SMI, 1080 € por 14 pagas en 2023, están exentas do IRPF. Na Galiza, 2 de cada 3 persoas pensionistas perciben menos desa cantidade polo que estarían exentas do IRPF se non teñen outros ingresos ademais da pensión de xubilación.

E outras non deben estar exentas

O que sería moi inxusto é que non tributasen polo IRPF as pensións máis altas. A pensión pública máxima para o ano 2024 é de 3.175,50 euros, que multiplicado por 14 pagas son 44.457,00 euros anuais. Os millóns de traballadoras e traballadores que perciben salarios inferiores non comprenderían que estivese exenta do IRPF. Produciría unha ruptura da solidariedade interna entre traballadoras e traballadores en activo e traballadoras e traballadores xubilados.

O que propón MODEPEN

Na asemblea anual nacional de MODEPEN celebrada o 3 de xuño de 2023 aprobamos reivindicar unha “Reforma fiscal radical para construír un sistema progresivo que garanta ingresos suficientes para financiar sistemas 100% públicos de sanidade, educación, dependencia y pensións, e para erradicar totalmente a pobreza, así como para a crecente necesidade de intervención pública na economía”.

Propomos unha reforma fiscal para aumentar a tributación dos altos ingresos, dos grandes patrimonios e dos beneficios das empresas, especialmente das que actúan en réxime de oligopolio (moi poucas empresas dominan o mercado) ou case monopolio (unha única empresa domina o mercado.

Documentos de análise de Modepen da suba das pensións para 2024.

Unha das principais vitorias do Movemento Pensionistas foi mandar ao lixo aquel decreto polo que as pensións subirían o 0,25% anual. Agora as pensións soben de acordo co IPC (Índice de prezos ao consumo)

Imaxinades como sería a vida dos e das pensionistas sen esta vitoria?

Para analizar esta subida, en Modepen elaboramos estes dous documentos e un anexo, que achegamos unificados nun só, e que pretenden responder a varias cuestións:

No documento 1, moi brevemente, respondemos ás seguintes:

-Soben as pensións unha mesma porcentaxe para todas as persoas pensionistas?

-Por que a moitas de nós, a pesar da suba, nos está resultando máis difícil chegar a fin de mes?

-Afecta por igual a todos a suba do IPC ou é diferente segundo os nosos ingresos sexan maiores ou menores?

-Que reivindicamos á vista da análise anterior?

No documento 2, analizamos máis polo miúdo as seguintes:

1º. Cal é o mecanismo de suba das pensións aprobado na Lei 21/2021 (IPC medio acumulado) e como sería co IPC real?

2º. Cal é a reivindicación da Unidade de Acción Estatal (UAE) sobre a taxa de reposición das pensións?

3º. Cal é o mecanismo de cálculo do índice de prezos ao consumo (IPC) e a súa relación co poder adquisitivo real das pensións?

Finalmente, e como anexo, unimos un resume do Real Decreto 8/2023 no relativo á contía mínima das diferentes clases de pensións contributivas (ordinaria, incapacidade, viuvez, orfandade, clases pasivas) en euros/ano e en euros/mes.

Documento de análise de Modepen da suba das pensións para 2024.

Documento Marco aprobado na V Asemblea. TÁBOA REIVINDICATIVA

Pechada en falso a investigación sobre as supostas filtracións das datas nas que as residencias de maiores ían recibir visitas por parte dos servizos de inspección.

Os colectivos TreGa (Traballadoras de Residencias Galegas), Modepen (Movemento Galego pola Defensa dás Pensións e os Servizos Públicos) e a Asociación Vellez Digna consideran que a Xunta “pechou en falso” a investigación interna sobre as supostas filtracións das datas nas que as residencias de maiores ían recibir visitas por parte dos servizos de inspección.1

Consideramos de interese o que informaba el “ElDiario.es o 30-11-2023 2As investigacións internas realizáronse mediante un procedemento de información reservada que, segundo aclarou, “non ten carácter sancionador”, nin se dirixe a “ningunha persoa” en concreto, nin “substitúe” o procedemento que impoñería sancións no caso de detectar irregularidades”. Pola forma en que se fixo, cremos que é lexítimo preguntarse se non se terá entrevistado aos inspectores entre “ameazas veladas” de posíbeis expedientes sancionadores (Ver, por exemplo, este artigo do 05-10-2023 de Público.es3A Xunta abre dilixencias contra os inspectores de residencia que denunciaron “chivatazos” de altos cargos”.

Porque a “inspección interna” centrouse nos denunciantes e non nos feitos denunciados. De feito unha das poucas “probas” externas que podemos ler no artigo citado en “eldiario.es, é “que os cambios no sistema de inspección implantados “con carácter experimental” non tiveron incidencia “no número de expedientes sancionadores”””, algo que, por certo, xa adiantaban os inspectores na súa denuncia, como se pode ler en praza.gal4 na noticia inicial do caso do 08-08-2023 “Fontes de persoal da inspección aseguran que moitas das sancións que se ergueron nos últimos meses foron “daquela maneira” e que “moitas levaban meses gardadas en caixóns”. “Pasadas as últimas eleccións autonómicas e logo de tantas polémicas na etapa da pandemia, empezaron a tramitarse expedientes”.

Como di o comunicado de TreGa, Modepen e Vellez Digna: “Esta investigación pechouse en falso, con falsas conclusións, non se buscou en ningún momento esclarecer a verdade dos feitos senón o lavado de cara da Consellería” een ningún momento se chamou a declarar a ningunha traballadora nin a ningún familiar, usuarios, pensionistas ou asociacións de veciños” que “levan anos” denunciando estas prácticas.

Así as cousas, TreGa, Modepen e Vellez Digna cren que a Xunta busca “facer inoperativo” o servizo de inspección para garantir “a impunidade” das empresas que promoven e xestionan as residencias.

O 28 de outubro o Movemento Pensionista vai a Madrid.

Xa parece unha tradición do Movemento Pensionista iniciar o “curso político” en Madrid, manifestándose. Este ano a Unidade Acción Pensionista (da que forma parte o Movemento pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos -Modepen) tamén convoca. Para o 28 de outubro.

Porque o noso voto conseguiu un obxectivo claro, que mesmo por veces parecía difícil, evitar o trunfo da dereita extrema do PP aliada coa extrema dereita de VOX. Deste xeito é posíbel a formación dun goberno máis democrático que o que se nos viña enriba.

Pero iso non quere dicir que todo estea feito, porque as nosas reivindicacións seguen aí. Porque segue en pé a estratexia, que tan ben coñecemos, de privatizar todo o que se poida, goberne quen goberne, xa sexa a Sanidade, a Educación, a xa case inexistente Vivenda social… A estratexia de converter os nosos dereitos nos seus beneficios en nome dun sacrosanto “libre mercado” non é patrimonio exclusivo da dereita. E nesa estratexia inclúese tamén o noso sistema público de pensións, un substancial bocado, máis de 12.000 millóns de euros só na nómina de setembro e o 11,7% do PIB (1) que queren converter, de público e xestionado polo Estado a privado, un capital xestionado pola Banca.

Creo que este obxectivo estratéxico explica o que está a suceder coas nosas pensións e, por tanto, a razón da ser das nosas reivindicacións, porque o que están a facer é o mesmo guión que no resto das lambiscadas públicas que ansían privatizar. Vexamos:

1) Deteriorar o servizo público a través dunha estratexia a medio-longo prazo que está, como sabemos, en pleno funcionamento. Vémolo na sanidade, na educación ou na vivenda, neste caso xa moito máis avanzado, sen novas construcións nin adquisicións públicas de vivenda para cumprir o esquecido mandato constitucional que entende a vivenda como un dereito

Un deterioro que no caso das pensións vímolo moi claramente cando Fátima Báñez (a ministra de Rajoy) intentou fixar o escandaloso 0,25% como tope das subas anuais, pero que se mantén agora, coa perda real do poder adquisitivo que, a pesar do que nos queren vender, medra por baixo do IPC. Aumentando a idade de xubilación. Ou endurecendo os requisitos para accede á pensión. Ou empeorando a taxa de substitución.

2) O Relato. Ese relato que “explica” que, por exemplo e seguindo coa vivenda, o problema sexan os “Okupas” que atacan o dereito dos propietarios das “vivendas”, aínda que ese fenómeno realmente sexa practicamente inexistente, mentres se agocha sistematicamente o dereito das persoas vulnerábeis a unha vivenda digna. Un relato que se mantén aínda en situacións tan tráxicas e evidentes como a que se deduce na traxedia recente da vivenda de Alfonso X en Vigo (aquí podemos ver un exemplo de “relatos” diferentes do que estou a falar: 1) O relato dos okupas (2) e a realidade da falta de dereito á vivenda (3).

Un relato que, no caso das pensións, son eses mantras repetidos insistentemente de que “hai un problema demográfico”, esquecéndose de que, cos avances tecnolóxicos, hoxe un traballador produce moito máis que antes. Ou que “os gastos aumentan”, esquecéndose de que tamén poden aumentar os ingresos. Ou que a Caixa da Seguridade Social ten un déficit brutal, de arredor de 100.000 millóns de euros, que se di pronto. Un relato, este último, facilitado pola non realización da obrigatoria ( por Lei 21/2021) auditoría da mesma, unha auditoría que, segundo os cálculos do Tribunal de Contas demostraría un superávit de máis de 103.000 millóns de euros, que deixaría un lixeiro superávit real ou en máis de 140.000 millóns, como apuntou o propio ministro Escrivá (4). Unha auditoría que, ao non se facer, permite a pervivencia do necesario “relato” do déficit da seguridade social.

3) A existencia de alternativas privadas a estes servizos públicos, “demostradamente ineficaces, ineficiente e inefectivos”. Unhas alternativas que no caso das pensións a penas existían, con unicamente os desprestixiados Plans de pensións individuais, situación corrixida pola reforma Escrivá que introduciu os plans privados de capitalización colectiva. Xa temos as tres patas do chamado Modelo Holandés coas que avanzar cara á privatización: A Pata pública de reparto, a deteriorar, a Pata deses plans privados de capitalización colectiva, apoiados e financiados en parte polo estado a cargo das nosas pensións, vía desgravacións fiscais e redución de cotas e a terceira Pata, para os que teñan máis poder económico, os fondos individuais, tamén beneficiada por desgravacións a costa dos cartos de todos nós.

Por iso Modepen chama á mobilización (5) polos seguintes obxectivos:

Contra o deterioro das pensións e pola súa mellora:

– Garantía de que ningunha persoa pensionista perciba menos do salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente. 1.080€

– Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.

– Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e recuperación da xubilación aos 65 anos.

– Aprobación de novas medidas legais, a curto prazo, para rematar coa fenda de xénero:

– Mulleres e homes: a igual traballo, igual salario, igual pensión.

– Incremento da porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez.

Contra o “falso relato”

– Realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada en xuño de 2022.

Contra as alternativas privatizadoras:

– Derrogación da Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións socias da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.

Documento publicado en Praza.gal: O 28 de outubro o Movemento Pensionista vai a Madrid.