Valoración do acordo asinado polo Goberno, as patronais e os sindicatos CCOO e UGT sobre a flexibilización da xubilación.

02-09-2024

O pasado 31 de xullo, Goberno e axentes sociais acadaron un acordo que permitirá variar as condicións das persoas traballadoras e pensionistas que decidan prolongar a súa vida laboral e/ou compatibilizar traballo e pensión.

O goberno, pois, continúa na liña de incentivar aos traballadores/as para que alonguen a súa vida laboral (xubilación activa e xubilación demorada), e aos pensionistas para que desenvolvan traballos a tempo parcial (xubilación flexible). A excusa utilizada é manter o sistema público de pensións ante a chegada á xubilación da xeración do “baby boom”.

No caso da modalidade de xubilación activa, a lei actual dictamina que se cobrará o 50% da pensión que correspondería a unha xubilación total. Con este novo acordo regúlase unha escaleira que parte do 45% e medra cada ano ata chegar ao 100%, no caso de que esta xubilación se retrase cinco anos (un ano de demora= 45% de pensión; 2 anos= 55%; 3 anos= 65%; 4 anos= 80%; 5 anos= 100%).

Ademáis, elimínase o requisito que esixía contar coa carreira completa de cotización (37 anos e seis meses) para acceder a este tipo de xubilación. Para os traballadores/as autónomos establécese unha escaleira similar.

Na xubilación demorada aprobada no 2022, o traballador/a podía escoller entre incrementar un 4% a súa pensión por cada ano de retraso ou obter unha cantidade variable (entre 5000 e 12000 euros) en función dos anos cotizados. En 2023 aprobouse un sistema mixto. Co novo acordo, a partir do segundo ano de retraso na xubilación, increméntase un 2% por cada período de demora superior a seis meses e inferior a un ano.

Por outra parte, na xubilación flexible actualmente en vigor, recórtase unha porcentaxe inversa á redución da xornada de traballo con respecto a un emprego a tempo completo. Así, se a persoa xubilada realiza un traballo de 20 horas semanais (o 50% da xornada completa, o máximo permitido ata agora), a pensión redúcese á metade. Se a xornada é de 12 horas semanais (o 70%) a pensión redúcese nun 30%.

No acordo recóllese que o Goberno estudiará nos próximos seis meses o incremento a aplicar.

O acordo contempla outros aspectos como os relacionados coa xubilación anticipada naqueles traballos catalogados como penosos ou perigosos, ou na colaboración coas Mutuas de Traballo nos casos de incapacidade temporal.

Como valoramos este acordo?

En MODEPEN pretendemos analizar as cuestións con rigor e obxectividade e, neste caso, malia recoñecer que hai aspectos que poden beneficiar a determinadas persoas polas súas especiais circunstancias, en conxunto considerámolo un acordo negativo polas seguintes razóns:

– Seguen, dunha maneira e outra, atrasando a idade de xubilación para compensar os recortes das prestacións. Como non se adoptan decisións definitivas que garantan ás persoas pensionistas unhas pensións públicas dignas e suficientes, os acordos adoptados pretenden resolver o problema facendo que, ante a insuficiencia das pensións, as persoas traballadoras e pensionistas prolonguen asúa vida laboral e/ou compatibilicen traballo e pensión.

– Demorar a idade de xubilación aumenta as dificultades da nosa mocidade para atopar un traballo digno e ter un futuro con dereitos.

– Retrasar a idade de xubilación para reducir os gastos de pensións supón, para moitos colectivos especialmente castigados, igualar a idade legal de xubilación coa esperanza de vida.

– Na chamada Mesa de Diálogo Social segue estando ausente a voz das persoas pensionistas, malia que os acordos alí adoptados nos afectan directamente.

Por elo seguimos a reclamar a urxencia de:

A mellora substancial das pensións mínimas a niveis do SMI, que posibiliten ás persoas pensionistas unhas condicións de vida dignas.

Recuperar a taxa de substitución salario-pensión que se está reducindo polos recortes das reformas.

Adoptar novas decisións para acabar coa fenda de xénero que se sitúa no 37%.

Cumprir coa Lei 21/2021, que determina a esixencia da realización da Auditoría de contas da Seguridade Social.

Revalorizar as pensións de miles de pensionistas que foron prexudicados na súa pensión polos coeficientes redutores da xubilación anticipada, con 40 ou máis anos cotizados.

Garantir o SPP (Sistema Público de Pensións) mediante a creación de emprego de calidade e a mellora substancial dos salarios e cotizacións.

Derrogar a lei 12/2022 de fomento dos PPEs.

Para conseguir que as nosas reclamacións sexan atendidas, este outono seguiremos coas mobilizacións, tanto a nivel estatal como autonómico ou local, porque a rúa segue a ser o mellor e máis efectivo ámbito de actuación dos movementos sociais como o noso.

Mobilízate!

Defende o público, defende o que é teu e de tod@s!

OUTRO “ACORDO” QUE DEBILITA AS PENSIÓNS PÚBLICAS

Comunicado das plataformas de pensionistas de UA valorando negativamente o acordo acadado o 31 de xullo de 2024 polo Goberno do Estado, as organizacións empresarais CEOE e CEPYME e as organizacións sindicais CCOO e UXT.

5 de agosto de 2024.

As plataformas e movementos de pensionistas de diferentes pobos do Estado valoramos negativamente o acordo alcanzado o 31 de xullo de 2024 polo goberno do Estado, as organizacións empresariais CEOE e CEPYME e as organizacións sindicais CCOO e UXT.

De entrada, dicimos que esa mesa de Diálogo Social non nos representa e negámoslles lexitimidade para decidir acordos que nos afectan como persoas pensionistas. Por tanto este acordo, negociado con opacidade e oportunismo no medio do verán, tampouco nos representa, tanto mais canto as mobilizacións pensionistas, que desde hai 10 anos veñen se desenvolvendo, supoñen unha clara expresión deste colectivo. Por tanto, esiximos medidas distintas e opostas ao aprobado.

Ademais, a Mesa estatal consolidouse como instrumento para branquear os persistentes recortes nas pensións públicas. Non é estraño por tanto que os acordos do Decreto Lei pactados o día 31 de xullo teñan como obxectivo: “Seguir dunha maneira e outra atrasando a idade de xubilación para compensar os recortes das prestacións. Como non se adoptan decisións definitivas que garantan ás persoas pensionistas unhas pensións públicas dignas e suficientes os acordos adoptados pretenden resolver o problema facendo que, ante a insuficiencia das pensións, as persoas traballadoras e pensionistas prolonguen a súa vida laboral e/ou compatibilicen traballo e pensión.”

No pacto inclúense as decisións respecto a

  1. Prolongar e desregular aínda máis a idade de xubilación.

Hai que lembrar que estes mesmos actores xa asinaron a reforma de 2011, que elevou a idade de xubilación desde os 65 ata os 67 anos.

A ampliación dos supostos da xubilación parcial, como exemplo. mulleres que teñen poucos anos de cotización por dedicarse aos traballos de reprodución e coidados e necesitan dun segundo traballo para mellorar a súa pensión, autónomos e sectores en xeral con pensións baixas.

O incremento con carácter semestral do 2% da pensión demorada. Trátase de atrasar a idade de xubilación para reducir os gastos de pensións, aínda que supoña para moitos colectivos especialmente castigados igualar a idade legal de xubilación coa esperanza de vida.

A modificación da xubilación activa; elimínase o requisito de contar coa carreira completa de cotización para ter acceso á xubilación activa e recoñecer a compatibilidade da xubilación activa cos incentivos da xubilación demorada.

As organizacións pensionistas non nos esquecemos que atrasar a idade de xubilación aumenta as dificultades da nosa mocidade para atopar un traballo digno e ter un futuro con dereitos.

2. Tímidas e insuficientes melloras en materias como:

A mellora das condicións do contrato de relevo, a recuperación do coeficiente multiplicador do 1,5 para os contratos fixos descontinuos ou o novo regulamento de xubilación anticipada por traballos penosos pendente da creación dun grupo de traballo, aínda que positivas non ocultan o cambio substancial que se realiza ao compatibilizar traballo e pensión que precarizará dun só golpe, salarios e pensións.

3. Dar máis capacidade ás Mutuas patronais para presionar sobre as baixas de incapacidade temporal.

• No Decreto Lei que dará cobertura ao acordo inclúense criterios a ter en conta no Convenio de colaboración para axilizar probas médicas a persoas en incapacidade temporal comprometido no V Acordo de Negociación Colectiva.

• Acordouse unha proposta de convenio marco a subscribir co INNS, os servizos públicos de saúde e as mutuas colaboradoras coa SS para que estas poidan contribuír, previo consentimento informado do paciente, a acelerar os procesos de recuperación en determinadas patoloxías traumatolóxicas.

Partimos da mesma filosofía anterior, como non se adoptan decisións firmes para a mellora e desenvolvemento dos sistemas sanitarios públicos, preténdese solucionar o problema poñendo en mans das mutuas, os diagnósticos e tratamento das patoloxías traumatolóxicas. As garantías do control dos médicos da SS do proceso parécenlles insuficientes aos asinantes do acordo, e determinan que ao longo do proceso todas as patoloxías deste ámbito sexan xestionadas polas mutuas.

Conclusión:

Este chamado cuarto acordo” de pensións nin aborda nin toma medidas para satisfacer as demandas máis urxentes das persoas pensionistas. As nosas demandas non foron atendidas.

Ademais de seguir esixindo a recuperación do poder adquisitivo das pensións perdido desde 2011, cuestión que teremos en conta nos próximos orzamentos, seguimos expondo a urxencia de:

A mellora substancial das pensións mínimas a niveis do SMI, que posibiliten ás persoas pensionistas unhas condicións de vida dignas.

Recuperar a taxa de substitución salario pensión que se está reducindo polos recortes das reformas.

• Adoptar decisións para acabar coa brecha de xénero que se sitúa no 37%.

• Cumprimento da Lei 21/2021 que determina a esixencia da realización da Auditoría de contas da Seguridade Social.

• Revalorizar as pensións de miles de pensionistas que foron prexudicados na súa pensión polos coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 ou máis anos cotizados.

• Garantir o SPP (Sistema Público de Pensións) mediante a creación de emprego de calidade e a mellora substancial dos salarios e cotizacións.

• Derrogar a lei 12/2022 de fomento dos PPEs.

Nada disto formou parte da orde do día desas reunións da “Mesa de Diálogo Social” e queda clara a distancia entre o que se acorda na Mesa e as necesidades urxentes das persoas pensionistas.

Tras máis de seis anos de mobilizacións as organizacións de pensionistas estamos a ser ninguneadas como interlocutores lexítimos das persoas pensionistas. O mes de maio, solicitamos un encontro coa ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións Elma Saiz Delgado e seguimos esperando resposta.

Por todo iso, afirmámonos na necesidade de promover este outono un amplo proceso de mobilización para esixir que sexa escoitada a voz dos pensionistas e situar na axenda como unha cuestión central para toda a sociedade a defensa do Sistema Público de Pensións. Por iso reafirmámonos na convocatoria descentralizada a partir do 30 de setembro en torno o dia internacional dos maiores e a marcha sobre Madrid o 26 de Outubro. Chamamos a abrir debates nos barrios e pobos, nos centros de traballo e no conxunto da cidadanía traballadora contra os efectos regresivos destas novas reformas.

GOBERNE QUEN GOBERNE, OS DEREITOS E AS PENSIÓNS PUBLICAS DEFÉNDENSE

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS de Badajoz e Móstoles…

ALTO Á PRIVATIZACIÓN DAS PENSIÓNS. NON AOS PPEs (Plans de Pensións de Emprego) NA NEGOCIACIÓN COLECTIVA.

Comunicado de Unidade de Acción pensionista estatal, contra o intento de privatización do Sistema Público de Pensións mediante a inclusión dos PPEs ( Plans de pensións de Emprego) na negociación colectiva.

31 de xullo 2024

Como viñemos denunciando desde as organizacións de pensionistas dos Pobos e comunidades do Estado, eses plans supoñen unha porta aberta á privatización das pensións públicas, que agora se pretenden estender aos convenios colectivos de diversos sectores laborais.

No mes de xullo do pasado ano 2023 asinouse o Convenio Colectivo estatal da construción, por parte da patronal CNC e os sindicatos CCOO e UXT, onde se pactou que parte dos incrementos salariais das e os traballadores fosen desviados cara aos chamados “plans de pensións de emprego” (PPEs), promocionados polo anterior ministro Escrivá a través da lei 12/2022.

Que son os PPEs?

1. Os PPEs son produtos financeiros (“de pensións” non teñen máis que o nome) de capitalización individual, onde o único seguro é o beneficio das entidades financeiras que os xestionan.

2. Agora ben, os PPEs están “incentivados” con diñeiro público (que pagamos toda a sociedade):

Con rebaixas das cotizacións sociais para os empresarios (menos salario indirecto das persoas traballadoras, menos ingresos da caixa da Seguridade Social).

Con beneficios fiscais, para os titulares, ou as rebaixas no Imposto de Sociedades das empresas.

3. Os PPEs nútrense exclusivamente con diñeiro dos e as traballadoras:

– Con parte dos incrementos salariais pactados en convenio, que deberían ir ás nóminas das persoas traballadoras.

– Con achegas adicionais das e dos traballadores titulares.

Na práctica, os empresarios non achegan nada aos PPEs, e soamente benefícianse das rebaixas dos impostos e das cotizacións que deixan de pagar.

4. Por tanto, os PPEs son meros plans de aforro individuais, que pola súa escasa dotación non cobren, nin de lonxe, o obxectivo de poder disfrutalos como pensión. (Entre 400 e 500 euros anuais de media no sector da construción).

Por que nos opoñemos aos PPEs?

• Porque supón o desvío de cotizacións da Seguridade Social, cara ao beneficio privado, debilitando dese xeito as pensións públicas.

• Porque se tentan xustificar coa falacia de que “as contas da Seguridade Social son insostibles”, mentres xa hai dous anos que o goberno está a incumprir a Lei que lle obriga a facer unha Auditoría desas contas, onde se demostraría a solidez do Sistema Público de Pensións.

• Porque é un intento de dividir aínda máis á clase traballadora, entre as persoas que teñan eses PPEs, e as que non teñan (e que quizá nin sequera teñan convenio colectivo).

• Porque o Sistema Público de repartición é o único que pode garantir a solidariedade, que todas as persoas traballadoras teñan pensións públicas suficientes, e que se mellore a seguridade social e a súa cobertura universal.

Por todo iso,

– INSTAMOS AOS SINDICATOS QUE SE NEGUEN A ASINAR CONVENIOS COLECTIVOS QUE INCLÚAN OS PPs.

CHAMAMOS A TODAS AS PERSOAS TRABALLADORAS, DE CALQUERA IDADE, A DEFENDER O SEU DEREITO A UNHA PENSIÓN DIGNA E SUFICIENTE DO SISTEMA PÚBLICO.

Goberne quen goberne, as pensións públicas

e os dereitos deféndense!

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

 

 

 

A Comisión Europea confirma a viabilidade do sistema público de pensións nas décadas vindeiras.

Pois un bon día collemos a prensa seria e económica (por exemplo “Eleconomista”i) e encontrámonos con este alarmante titular: Bruxelas destapa o gran burato das pensións en España: como pagar a un 60% máis de pensionistas co mesmo número de ocupados.

Alarmados, como se pretende, seguimos lendo (e alarmándonos máis). Nun subtitular lemos: “Salvo milagre da produtividade, chegarán recortes e subidas de impostos”. Os milagres non existen, pensamos. Da alarma pasamos ao medo.

Máis adiante observamos que os sesudos redactores sobre o informe “Ageing Report 2024-R2024”, que analiza a evolución prevista pola Comisión Europea das pensións ata o 2070, atoparon o quid da cuestión: “…nun recadro ‘perdido’ en medio do denso informe de Bruxelas, pódese observar a evolución prevista do número de ocupados e de pensionistas en España… En tres décadas haberá un 60% de pensionistas máis que manter (sic) coa mesma cantidade de ocupados de hoxe…”…

Ímonos achegando do medo ao pánico.

Chegados aquí parámonos a analizar. Vemos que os redactores asesoráronse con dous expertos “independentes”: Miguel Ángel García, profesor da URJC e investigador de Fedea (ver nota ao final sobre a imparcialidade de Fedea) e Enrique Devesa, neste caso lendo un informe seu publicado por Fundación BBVA (do BBVA non poñemos nota, a súa “imparcialidade” falando das pensións é notoria). Ben, nalgún momento tamén fan mención aos economistas (tamén de “recoñecida imparcialidade”) de CaixaBank Research. É dicir, os asesores do artigo son todos do sector financeiro e/ou das grandes empresas. Xa máis tranquilos razoamos: Talvez non sexan moi imparciais. Talvez lles interese crear medo (ou, mellor, pánico) sobre o futuro das pensións públicas de reparto. Tal vez as pensións privadas e de capitalización serían un gran negocio… precisamente para eles.

Pois resulta que o noso compañeiro Xabier Pérez Davila, tamén leu o informe de Bruxelas (o Ageing Report 2024-R2024) e o artigo este de “Eleconomista”. E chegou a un “titular” distinto. Concretamente: A Comisión Europea confirma a viabilidade do sistema público de pensións nas décadas vindeiras.

Claro que Xabier analiza os propios datos do informe seriamente, sen rebuscar “algún recadro perdido” que poder sacar fóra de contexto. Por exemplo que “o PIB por persoa multiplícase por 1,8 veces; o PIB por persoa dedicado ás persoas maiores de 65 anos aumenta un 50%, multiplícase por 1,5; e o PIB por persoa menor de 65 anos aumenta un 100%, multiplicándose por 2. Despois de pagar mediante impostos e cotizacións sociais as pensións dunha poboación pensionista incrementada, a sociedade de menos de 65 anos disporá para manter a capacidade produtiva (amortizacións), incrementala (investimento) e para o consumo do dobre de recursos que na actualidade.”

E que pasa cos milagres? “A CE estima que a produtividade por hora traballada incrementarase nun 1,3% anual” (case o dobre ata o 2070, e non fala de milagres).

E non seguimos co spoiler, mellor ler o artigo. E de paso saber desde cando temos “titulares” dun novo xénero literario (como di Xabier) “o da profecía do colapso dos sistemas públicos de pensións”. E tamén da súa opinión sobre o crecemento indefinido do PIB como solución para todos os problemas económicos, ignorando os límites físicos do planeta.

Praza.gal: A Comisión Europea confirma a viabilidade do sistema público de pensións nas décadas vindeiras.

InfoLibre: La Comisión Europea confirma la viabilidad del sistema público de pensiones en las próximas décadas

El Economista: bruselas-destapa-el-gran-agujero-de-las-pensiones-en-espana-como-pagar-a-un-60-mas-de-pensionistas-con-el-mismo-numero-de-ocupados

Fedea é unha Fundación. Podemos ver quen son os seus órganos reitores aquí: https://fedea.net/organos-de-gobierno/  Para ver a súa independencia, unicamente hai que ver quen é os seus Membros Protectores.

ÁS PORTAS DO 1 DE MAIO: EN DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS

Compañerxs, os adjunto el trabajo realizado por Miren Etxezarreta y Xabier Pérez Davila sobre los planes de pensiones de empleo (Convenio de la Construcción) y una carta firmada por los autores explicando la importancia de dar a conocer el peligro que supone para el futuro del Sistema Público de Pensiones.
Si lo consideráis de vuestro interés y queréis firmar el documento, enviar el nombre de la persona representante y el colectivo que representa, se puede adjuntar también el logo, al correo modepen2016@gmail.com.

ÁS PORTAS DO 1 DE MAIO: EN DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS

Vén de crearse un plan de pensións de emprego para 1.400.000 traballadores da construción, no primeiro gran acordo que se basea na Lei de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE) de 2022. A nós parécenos un paso forte cara á privatización do sistema de pensións e cremos que hai que desvelar o que se oculta tras o mesmo. Por iso, decidimos escribir esta carta, con ánimo, sobre todo, de alertar aos pensionistas e a quen queremos defender as pensións públicas da gravidade deste sistema e actuar contra o mesmo.
Se crees que o que se sinala na mesma é de interese, e queres participar nesta denuncia asina esta carta (co teu nome e/ou o logo do teu grupo) e trata de distribuíla o máis amplamente posible. A ver se desta forma aumenta a conciencia do desastre que supón esta Lei para o sistema público de pensións.

Miren Etxezarreta, 2007 Catedrática emérita en Economía Aplicada da Universidade Autónoma de Barcelona.

Xabier Pérez Davila, economista e activista en defensa das pensións públicas, Galiza

Documento da Carta para descargar

Documento SOBRE OS PLANS DE PENSIÓNS DE EMPREGO

¿ Deben estar exentas as pensións de tributar o IRPF?

Periodicamente difúndese por Whatsapp un manifesto pedindo que as pensións estean excluídas do IRPF. MODEPEN e o conxunto de organizacións que participan na Unidade de Acción Estatal non estamos de acordo con esa proposta.

A seguir analizamos as afirmacións que inclúe o texto

1ª. As pensións non son un rendemento do traballo. As pensións contributivas son un rendemento do traballo, xa que é o feito de ter cotizado durante polo menos 15 anos o que dá dereito á pensión. Así o recolle a normativa do IRPF que inclúe as pensións contributivas entre os rendementos do traballo (Lei 35/2006, de 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF))

2ª. As pensión xa tributaron polo IRPF mentres se traballaba. Isto non é certo. O que xa tributaron foron os salarios percibidos durante a vida laboral activa unha vez deducidas as cotizacións á seguridade social. A pensión é unha prestación periódica distinta do salario que se financia con cotizacións sociais e impostos. Se unha persoa traballou 40 anos e cobra 30 anos unha pensión, percibiu unha renda salarial gravada polo IRPF e percibe unha renda en forma de pensión tamén gravada polo IRPF. Ademais, o IRPF non é un imposto sobre as rendas do traballo, senón un imposto sobre todo tipo de rendas: do traballo, inmobiliarias (de alugueres), do capital (dividendos, xuros …).

3ª. Ao estar as pensións sometidas ao IRPF prodúcese dobre imposición. Non, o salario e a pensión son rendas distintas que se perciben en períodos diferentes: unha durante a vida laboral activa e outra no tempo da xubilación. Ademais, proceden de fontes diferentes: da empresa, a primeira; e do Estado, a segunda.

4ª. A pensión sería o rendemento dun capital que a persoa xubilada foi acumulando ao longo da vida laboral. Rotundamente falso. A persoa ou persoas que redactaron o Whatsapp padecen de ignorancia ou practican a mentira. O sistema público de pensións non é un sistema de capitalización, as persoas traballadoras non acumulan capital ningún. Coas súas cotizacións e impostos financian as pensións das persoas xubiladas. As persoas traballadoras hoxe activas, cando se xubilen percibirán a súa pensión das cotizacións e impostos d@s entón activ@s. Por iso se chama sistema de repartición ou solidariedade entre xeracións.

5ª. Aos cargos políticos do goberno, parlamento, senado non se lles aplica a retención do IRPF. Falso de toda falsidade. As retribucións dos representantes políticos están suxeitas ao IRPF como todas as rendas. Esta afirmación repetida innumerábeis veces fai parte da campaña anti-política que só beneficia á dereita e á extrema dereita. Cando alguén afirma “todos os políticos son iguais”, en 9 de cada 10 veces a persoa que o proclama é votante do PP ou de Vox.

Que hai detrás deste texto?

Un ataque contra a necesidade dun sistema impositivo poderoso que obteña recursos suficientes para financiar os servizos públicos e a intervención pública na economía cada vez máis necesaria.

É necesario investir máis en educación e sanidade para manter uns servizos de calidade. É necesario aumentar o investimento en servizos de axuda á autonomía e á dependencia. É urxente aumentar o gasto para construír un parque público de vivendas de aluguer para permitir ás persoas novas emanciparse e construír unha vida independente, o modelo austríaco e da capital Viena debe servir de exemplo. Para afrontar as transicións ecolóxica e dixital son imprescindíbeis maiores ingresos e un sistema fiscal máis progresivo, no que paguen máis os que máis teñen e ingresan.

A nova dereita mundial reaccionaria (Feijoó, Abascal, Ayuso, Trump, Milei …) quere acabar coas prestacións e servizos públicos para substituílos por prestacións e servizos privados dos que o capital poda obter grandes beneficios. Os republicanos estadounidenses describen o seu obxectivo como “afogar o meniño na bañeira”: 1) organizan grandes campañas contra os impostos para conseguir o apoio popular, 2) aproban leis que lles baixan os impostos aos ricos, 3) en consecuencia, redúcense os ingresos do Estado, 4) aparece ou aumenta o déficit público, 5) entón, organizan campañas contra o déficit, e, 6) como “non hai diñeiro”, propoñen cortar as prestacións e servizos públicos e promover os privados, e, 7) e volta ao inicio, nova campaña contra os impostos … O resultado é unha sociedade extraordinariamente desigual onde as persoas que non pertencen á minoría rica teñen que endebedarse para pagar os gastos sanitarios, os estudos universitarios …

Moitas pensións xa están exentas

As pensións por debaixo do SMI, 1080 € por 14 pagas en 2023, están exentas do IRPF. Na Galiza, 2 de cada 3 persoas pensionistas perciben menos desa cantidade polo que estarían exentas do IRPF se non teñen outros ingresos ademais da pensión de xubilación.

E outras non deben estar exentas

O que sería moi inxusto é que non tributasen polo IRPF as pensións máis altas. A pensión pública máxima para o ano 2024 é de 3.175,50 euros, que multiplicado por 14 pagas son 44.457,00 euros anuais. Os millóns de traballadoras e traballadores que perciben salarios inferiores non comprenderían que estivese exenta do IRPF. Produciría unha ruptura da solidariedade interna entre traballadoras e traballadores en activo e traballadoras e traballadores xubilados.

O que propón MODEPEN

Na asemblea anual nacional de MODEPEN celebrada o 3 de xuño de 2023 aprobamos reivindicar unha “Reforma fiscal radical para construír un sistema progresivo que garanta ingresos suficientes para financiar sistemas 100% públicos de sanidade, educación, dependencia y pensións, e para erradicar totalmente a pobreza, así como para a crecente necesidade de intervención pública na economía”.

Propomos unha reforma fiscal para aumentar a tributación dos altos ingresos, dos grandes patrimonios e dos beneficios das empresas, especialmente das que actúan en réxime de oligopolio (moi poucas empresas dominan o mercado) ou case monopolio (unha única empresa domina o mercado.

Documentos de análise de Modepen da suba das pensións para 2024.

Unha das principais vitorias do Movemento Pensionistas foi mandar ao lixo aquel decreto polo que as pensións subirían o 0,25% anual. Agora as pensións soben de acordo co IPC (Índice de prezos ao consumo)

Imaxinades como sería a vida dos e das pensionistas sen esta vitoria?

Para analizar esta subida, en Modepen elaboramos estes dous documentos e un anexo, que achegamos unificados nun só, e que pretenden responder a varias cuestións:

No documento 1, moi brevemente, respondemos ás seguintes:

-Soben as pensións unha mesma porcentaxe para todas as persoas pensionistas?

-Por que a moitas de nós, a pesar da suba, nos está resultando máis difícil chegar a fin de mes?

-Afecta por igual a todos a suba do IPC ou é diferente segundo os nosos ingresos sexan maiores ou menores?

-Que reivindicamos á vista da análise anterior?

No documento 2, analizamos máis polo miúdo as seguintes:

1º. Cal é o mecanismo de suba das pensións aprobado na Lei 21/2021 (IPC medio acumulado) e como sería co IPC real?

2º. Cal é a reivindicación da Unidade de Acción Estatal (UAE) sobre a taxa de reposición das pensións?

3º. Cal é o mecanismo de cálculo do índice de prezos ao consumo (IPC) e a súa relación co poder adquisitivo real das pensións?

Finalmente, e como anexo, unimos un resume do Real Decreto 8/2023 no relativo á contía mínima das diferentes clases de pensións contributivas (ordinaria, incapacidade, viuvez, orfandade, clases pasivas) en euros/ano e en euros/mes.

Documento de análise de Modepen da suba das pensións para 2024.

Documento Marco aprobado na V Asemblea. TÁBOA REIVINDICATIVA

O falso “relato” do déficit da caixa da Seguridade Social: Escrivá cifra en 140.000 millones el dinero de las pensiones que ha ido a otros gastos en los últimos 30 años

“A caixa da Seguridade Social ten un déficit asumíbel de máis de 100.000 millóns de euros!!

É unha irresponsabilidade pretender seguir con este sistema que fai auga por todas partes!!

Témonos que encamiñar a un sistema privado de pensións!!

O sistema público e de reparto é inviábel e vai colapsar!!!!”

Pois resulta que o ministro Escrivá cifra en 140.000 millóns os cartos das pensións que “se foron” a outros gastos nos últimos 30 anos. Uns cartos que serían abondos para pór a cero a débeda da Seguridade Social contraída polo Estado desde 1999 (106.178 millóns), e aínda quedarían cartos aforrados (máis de 30.000 millóns).

Lembramos que xa o Tribunal de Contas no ano 2020 recomendara ao Estado devolver as cantidades endebedas á Seguridade Social, que estimaba (nun informe de agosto de 2020 con datos ata decembro de 2018) nun mínimo de 103.690 millóns de euros.

Claro que, de terse feito así, os debates sobre os recortes das pensións, eses recortes que foron ben reais, terían sido diferentes. Ben, precisemos, debates tampouco houbo, o que houbo foron relatos, contos para “xustificar” primeiro o deterioro do sistema e despois a súa privatización.

O que houbo foi un saqueo á Seguridade Social, pero o máis grave é que “O mantra da insustentabilidade e da crise permanente serviu para lexitimar desde hai anos os recortes nas pensións e nos dereitos dos pensionistas. Pero sobre todo -como sostén o deputado Jordi Salvador (ERC)- para crear un pánico que só favoreceu ao sistema financeiro e ao seu negocio de plans de pensións privados.”

E mentres a Auditoría non sexa oficial xa sabemos o caso que a “prensa seria” (seria segundo o seu propio “relato”) lle vai facer. Seguiremos tendo, oficialmente, mediaticamente, déficit da caixa da Seguridade Social, aínda que realmente teñamos superávit.

Por iso esiximos a Audoria xa.

Ligazón ao artigo do Informativo Valencia

Valoracións diante do fin do ciclo da Reforma das pensións: ESTA NON É A REFORMA DE PENSIÓNS QUE NECESITAMOS.

O pasado 17 de marzo publicouse no BOE o “Real decreto-lei 2/2023, do 16 de marzo, Sobre o número de anos para cálculo da base reguladora das pensións”. Con esta cuarta lei remata o actual ciclo de reformas do sistema de pensións.

Estas catro leis (brevemente Lei 21/2021, Lei 12/2022, Rd-lei 13/2022 e o mencionado Rd-lei 2/2023) son, por tanto, o resultado do pulso mantido durante estes anos entre o movemento pensionista de Galiza e do resto do Estado contra o intento de actualizar e afondar na privatización do sistema de pensións públicas.


Unha privatización que, ante a ineficacia dos obsoletos plans individuais
de pensións, necesitaba crear un novo marco privatizador (Lei 12/2022 do 13 de xuño sobre os Plans de pensións de emprego) que permitirá desviar fondos públicos para alimentar fondos privados de capitalización, que crearán desigualdade e inestabilidade financeira.


Unha privatización que, para que sexa mellor asumida, necesita dunha desvalorización das pensións públicas (incrementos por debaixo do IPC, mantemento da brecha de xénero, incremento do cálculo da base de cotización, etc) e da creación dun “relato” (do tipo “non hai cartos abondos para un gasto crecente” ou “
a seguridade social xa ten un déficit excesivo”…) que nos convenza da inevitablidade desa privatización. Como vemos nada novo, é o mesmo esquema que se repite nos intentos de privatización da Sanidade ou da Educación públicas, por pór dous exemplos ben coñecidos.


Nesta longa confrontación
sufrimos derrotas pero tamén demostramos a nosa forza conseguindo algunhas vitorias certas, que obrigaron ás forzas privatizadoras a recuar nalgunhas das súas pretensións, revertendo en parte a desvalorización das pensións públicas (aumento do 8,5% en xeral e do 15% para as mínimas e as non contributivas…), ou conseguindo cambiar, tamén en parte, o “relato”, con consecuencias positivas, como deixar de falar só dos gastos e empezar a falar (e non só falar, claro) dos ingresos (cotización adicional de solidariedade, mecanismo de equidade interxeracional e incremento da base máxima de cotización) ou a lei para realizar a auditoría das contas da Seguridade Social (camiño de clarificar iso do “déficit” do sistema).


Estamos así nun momento en que debemos de realizar un balance polo miúdo
para valorar as nosas vitorias e as nosas derrotas, que nos permita definir cales han de ser os nosos obxectivos a partir de agora.


Conscientes deste fin de ciclo, o movemento pensionista, tanto a nivel Estatal como Modepen en Galicia, temos reflexionado e emitido senllos comunicados, que reproducimos a continuación:

Valoracion de MODEPEN do Real Decreto-lei 2/2023, do 16 de marzo, de medidas urxentes para a ampliación de dereitos dos pensionistas, a redución da fenda de xénero e o establecemento dun novo marco de sustentabilidade do sistema público de pensións.

Valoracion da Unidade de Accion dos Pensionistas do Estado: ESTA NON É A REFORMA DE PENSIÓNS QUE NECESITAMOS.

Texto do Real Decreto-lei 2/2023, do 16 de marzo.

Valoración de urxencia da negociación sobre a última fase da reforma das pensións.

Compartimos neste enlace a nosa Valoración de Urxencia diante dalgunhas das medidas sobre a segunda parte da reforma das pensións feitas públicas nos medios de comunicación este venres día 10. Trátase, por tanto, dunha valoración de urxencia e provisional, feita antes de pecharse a mesa de diálogo e sen que se sexa público o texto definitivo do acordo. En resume, valoramos:

Que parece que non vai haber endurecemento do período de cálculo da base reguladora das novas pensións iniciais. Pola contra semella que nos vindeiros 20 anos, as traballadoras e os traballadores poderán optar pola máis favorábel de dúas posibilidades: seguir como ata agora ou realizar o cálculo sobre os últimos 29 anos, mais descartando os dous menos favorábeis (Esta opción voluntaria favorecería as traballadoras e traballadores con carreiras de cotización irregulares).

Que estas medidas non son firmes e que por agora destacamos a mudanza de discurso: do “non hai recursos” a “hai que buscar ingresos para pagar as pensións futuras”

Que esta mudanza é froito da mobilización social na Galiza, en todo o Estado español e en Francia (lembremos que neste tema tamén intervén Bruxelas) e confírmanos na convicción de que é imprescindíbel continuar o labor de información, organización e mobilización. Neste sentido situamos como obxectivos os seguintes: Recuperar os 65 anos como idade legal de xubilación e Derrogar a Lei Escrivá dos fondos de pensións de empresa.

– Constatamos e felicitámonos polos avances conseguidos coa mobilización social: a Actualización das pensións ao 8,5%, a Suba das pensións mínimas e non contributivas un 15% e a Paralización do incremento do número de anos para calcular a base reguladora.

É posíbel avanzar en dereitos. A mobilización social é o único camiño.

Ligazón ao documento: Valoración de urxencia da negociación sobre a última fase da reforma das pensións.